Friday 03 de May de 2024

Feijóo anima a seguir traballando da man das entidades sociais para acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade


Incide na importancia do apoio especializado e individualizado desde idades temperás para acadar o máximo grao de autonomía

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe ás entidades sociais a seguir traballando xuntos e mellorando a atención ás persoas con discapacidade para acadar a súa plena inclusión social.

Nesta liña, e durante a clausura do XV Congreso de Cermis Autonómicos, Feijóo enxalzou o labor das entidades que forman o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, “fundamental para disolver pouco a pouco unhas barreiras que antes parecían infranqueables: as que separan ás persoas con discapacidade da plena inclusión social”, aseverou, ao tempo que incidiu en que nese camiño a Xunta será sempre un aliado.

Feijóo destacou que Galicia é a Comunidade Autónoma que máis aposta polas prestacións públicas de asistencia persoal ao incrementar este ano a contía máxima un 15%, ata chegar aos 1700 euros ao mes.

Ademais, o titular da Xunta lembrou que a través do apoio especializado e individualizado desde as idades máis temperás, as persoas con discapacidade gañan unha indispensable confianza en si mesmos e conseguen manexar as ferramentas necesarias para acadar o máximo grao de autonomía. “E ese é o motivo polo que Galicia se consolidou neste ano como a comunidade que máis aposta por este tipo de servizos”, dixo. Tamén salientou o esforzo feito polos galegos para, ao longo destes anos, ir introducindo melloras constantes, tanto a pequena como a gran escala, para eliminar os obstáculos que aínda afrontan as persoas con discapacidade no seu día a día.

Orzamentos
Un compromiso de todos os galegos reflectido novamente nos Orzamentos xerais da comunidade para o ano 2020, que contarán con máis fondos que nunca dedicados a mellorar a atención á discapacidade e a acadar a plena inclusión. “Esta mesma mañá, no Consello da Xunta aprobouse que se destinen o ano que vén 115 millóns a estes obxectivos; un 77% máis do que investía o Goberno galego en discapacidade no ano 2009”, precisou.

Un apoio constante e sostido no tempo, como demostra tamén que, nesta década, se incrementase máis dun 40% os convenios coas federacións de discapacidade. Ademais, este mesmo ano a Xunta lanzou un plan de rescate ás entidades de discapacidade de máis de 3,6 millóns de euros para axudalas a afrontar o impacto das subidas salariais aos seus traballadores e traballadoras.

O responsable do Goberno galego sinalou que, a pesar destas melloras, aínda queda moito por facer. Por iso, asegurou que con esta achega continuarase traballando coas entidades de discapacidade, creando máis prazas de atención a estas persoas, mellorando a accesibilidade física e cognitiva dos edificios públicos, apoiando aos centros especiais de emprego e a plena integración social, e axilizando os procesos de valoración.